Pontevedra xa soa a jazz e blues. A cidade do Lérez acolle a XVIII edición do seu festival, que comeza co xa clásico ciclo “Pontejazz” cos seus workshops e jam sessions, que son a culminación do Seminario Permanente co que cada ano se introduce este festival internacional.
A banda de Nova York Shift ofrece o 20 de xullo a primeira das actuacións do “Pontejazz” na Praza do Teucro. O día seguinte a quenda é para a que está considerada a voz do jazz de Galicia, Terela Gradín, xunto o quinteto do pianista Manuel Gutiérrez. Estas actuacións terán lugar contra as 22.30 horas e serán o limiar dos concertos do Festival Internacional de Jazz & Blues, na Praza da Ferrería. Entre o 22 e o 25 de xullo poderemos ver, a partir das 22.30 horas, ao saxofonista estadounidense James Carter, á diva do jazz vocal Madeleine Peyroux, ao trompetista Christian Scott e el trío Women of Chicago Blues.
O ciclo “Pontejazz” inclúe tamén os pasacalles da Chivinjazz Street Band, do 20 ao 23 de xullo, entre as 13 e 14 horas e as 20 e 21 horas. Este programa complétase coas jam sessions de Pedro Freijeiro Trío no Club Náutico, tamén entre o 20 e o 23 xullo, contra a media noite.